¡Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito,
e a estrela que te guía
ten resplandores eternos!

(Loitador. Roberto Blanco Torres)

A Suso Vaamonde


Acordes busca o vento aló entre as árbores
tentando ser nas follas melodía,
e brúa o mar un ritmo enrabetado
batendo no tambor da penedía.
As musas que por veces nos arroupan,
¡que limpo o rebrilar das súas liras!,
tamén elas fan cóxegas nas almas
das voces que erguen sabias minorías.

E aínda escoita o necio os sons imbéciles
das linguas argallantes e vendidas,
as falas miserentas, a impostura
dos cánticos enchidos de ufanía.
¡Entréganos o verbo estrelecido!
¡Convídanos a ouvir a voz precisa!
¡Meu tecelán de ensoños, canta e lémbranos
que a música tamén naceu espida!

Medrou a convición no neno indómito
xogando a se-la gorxa das poesías.
A golpe de desterro foi a loita;
a redención, a golpe de cantiga.
O pulo de nación que te acompaña
ten nome de canción comprometida
e ruxe cunha voz inquebrantábel
pra resoar nas nosas letanías.

Cecais as notas que unha vez cantamos
alumearán a luz dun novo día
e as teimas que hoxe temos tornarán
na imaxe dun espello de utopías.
Namentres, eu convoco o puño ergueito,
o grito pertinaz de rebeldía
e o lóstrego que nos deixou no peito
o derradeiro bardo de Galicia.

(Gael Vaamonde)